Medios de comunicación ofrecen o seu contido de maneira gratuíta para afrontar a corentena

Algúns medios de comunicación están a liberalizar os seus contidos de pagamento para axudar á poboación a afrontar o confinamento obrigado tras a declaración do estado de alarma por mor do coronavirus. 

Con motivo do estado de alarma por causa da emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19, moitas iniciativas están a pór a disposición da poboación toda unha serie de actividades e alternativas para ocupar o tempo que dure o confinamento forzoso. Tamén os medios de comunicación se sumaron a este tipo de inciativas, e algúns deles disponibilizaron de maneira gratuíta parte do contido que era de pagamento.   

Neste sentido, moitos xornais están a levantar os seus muros de pagamento ou liberalizar funcións que só estaban accesíbeis para persoas subscritoras. Así, Prisa puxo a disposición de todo o público a versión en .pdf das edicións impresas de El País e Cinco Días, para a que só é preciso un rexistro gratuíto. eldiario.es tamén ofrecerá toda a súa información de maneira gratuita durante a crise, sen facer distinción entre os socios e o conxunto do público. InfoLibre abriu igualmente o acceso aos seus contidos, mais só no caso daqueles relacionados “co virus, desde guías prácticas até análises en profundidade”

Un dos ámbitos nos que se produciron máis iniciativas deste tipo é o das revistas. Así, Hearst España decidiu ofrecer acceso gratuíto até o un de abril a todas as súas publicacións, que inclúen Elle, Cosmopolitan, QMD, Esquire, Harper's Bazaar, Men's Health, Diez Minutos, Elle Gourmet, Fotogramas, Cocina Diez, Casa Diez, micasa, DeViajes, Supertele, Car and Driver, Nuevo Estilo, Elle Decoration, Women's Health e Runners. Spainmedia liberou tamén os contidos das revistas ForbesTapas Magazine; e Condé Nast fixo o mesmo con Vogue, Vanity Fair, GQ, Glamour, Condé Nast Traveler e AD, adiantando ademais a publicación dos números de abril. En Galicia, Luzes vén de facer tamén libres todos os seus contidos. 

Por último, numerosas televisións de pagamento tamén aproveitaron a declaración do estado de alarma para liberar boa parte dos seus contidos, aínda que neste caso a programación está máis dirixida ao ocio e o entretemento que ao eido meramente informativo. 

CPXG