Iniciativas dos colexios de xornalistas en defensa da profesión nas administracións públicas

O Col·legi de Periodistes de Catalunya presentou esta semana á Generalitat de Catalunya o seu Manual de boas prácticas na contratación de xornalistas para a administración pública, mentres que o Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía denunciaba a contratación dunha persoa sen experiencia nin titulación para o posto de responsábel de presa da Subdelegación do Goberno en Xaén. 

O Col·legi de Periodistes de Catalunya presentaba este martes á Generalitat de Catalunya o Manual de boas prácticas na contratación de xornalistas para a administración pública, que recolle as titulacións axeitadas para os postos de responsábel de comunicación ou de gabinetes de prensa na administración, así como as tarefas que deben desenvolver.

Unha delegación do Grupo de Traballo de Gabinetes do Col·legi entregou este documento á secretaria de Administración e Función Pública da Generalitat de Catalunya, Annabel Marcos, e á directora xeral de Función Pública, Pilar Sorribes. En próximas datas presentarase este documento tamén ás deputacións e ás asociacións de municipios cataláns.

A contratación de persoas non cualificadas para exercer postos de xornalistas na administración é, lamentabelmente, unha práctica habitual na nosa contorna. Precisamente esta mesma semana, o Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía denunciaba a contratación para o posto de responsábel de presa da Subdelegación do Goberno en Xaén dunha persoa "sen experiencia ou cualificación probada no sector e carente das titulacións universitarias pertinentes para o desempeño de tales funcións".

A defensa dos e das profesionais do xornalismo no público é unha preocupación de todos os colexios de xornalistas, que asinaron en marzo do ano pasado o Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, realizado con esta finalidade, e comprometéronse a trasladarllo ás distintas administracións. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no seu compromiso coa profesión, ten denunciado en numerosas ocasións a provisión de postos de comunicación para distintas administracións galegas nas que non se contemplaba a titulación correspondente.

CPXG