Henrique Tello, candidato do BNG á alcaldía da Coruña, estará nos 'Almorzos On/Off' do CPXG

A demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), organiza o mércores14 de marzo, unha nova edición dos 'Almorzos ON/OFF' coa presenza do candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía da Coruña.
O acto comeza ás 9.30, co 'OFF' para colexiados, que dará paso ao 'ON', a rolda de prensa de libre acceso, ás 10.00. Coma sempre, o almorzo celebrarase na sede da Fundación Luís Seoane na Coruña (rúa San Francisco s/n).

Candidato á alcaldía
Naceu en Corcubión (A Coruña), en 1951. É licenciado en Filosofía e Letras polas universidades de Santiago de Compostela e a Complutense de Madrid e profesor de instituto. En 1976 realiza oposicións ao corpo de catedráticos de instituto, acadando a Cátedra do Instituto de Balmaseda, en Bizkaia, onde permanece un curso. Foi director do Instituto de Ortigueira durante dous anos, e en 1980 trasládase ao Instituto de Elviña, na Coruña, onde ten o seu actual destino. Foi director deste centro durante tres cursos.
En 1978 ingresa na Unión de Traballadores do Ensino de Galicia, UTEG/INTG, da que chega a ser Secretario Nacional durante cinco anos, nos que participou activamente en todos os procesos relacionados coa educación durante a constitución da autonomía de Galiza.
Militante do BNPG desde 1979 e do BNG desde a súa fundación, en 1983. Foi elexido deputado pola provincia da Coruña en 1993 e reelexido en tres legislaturas. Durante nove anos (1993 - 2001) foi portavoz do BNG en política educativa no Parlamento Galego. No ano 2002 renunciou ao seu escano para dedicarse en exclusiva ao seu cargo de Portavoz Municipal do BNG no concello da Coruña, cidade pola que se presenta ó cargo de rexedor municipal.

Almorzos ON/OFF

Para inscribirse nos almorzos pódese chamar ó teléfono 981 93 56 70 ou enviar un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.com. O aforo é limitado.

Os 'Almorzos ON/OFF' lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG na súa demarcación de A Coruña. Nestes encontros cos xornalistas teñen estado persoeiros como Ignacio Ramonet, Alberto Núñez Feijoo, Anxo Quintana, José Blanco, ou Carlos Negreira. O ciclo, que pretende fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas, conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

A CORUÑA
CPXG