Éxito de participación no Nadaltic da TIC con diversas actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías
Numerosos lucenses de máis de 55 anos participaron no Nadaltic que celebrou o InLugo, entidade xestionada pola Fundación TIC da Deputación de Lugo. O Presidente da TIC e do organismo provincial, Darío Campos, compartiu a xornada cos asistentes e participou nun mannequin challenge co que os maiores felicitaron as festas e o Aninovo.
Campos dixo que “este é un xeito lúdico e divertido de que os maiores da nosa provincia empreguen as novas tecnoloxías e tamén de que estean á última no que se move nas redes sociais, como é o caso do mannequin challenge, un fenómeno viral que arrasa en todo o mundo”.
Música e alimentación saudable coas novas tecnoloxías
A música tivo un protagonismo especial durante a xornada, coa que se culminou a programación de actividades do último trimestre de 2016 do InLugo. Os maiores tiveron acceso a diversas apps, con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que crearon música e sons.
Ademais, cada participante levou un recordo en forma de fotografía tomada cun croma de fondo que ilustra de forma personalizada un calendario de 2017. O obxectivo é que os maiores se introduzan no mundo das novas tecnoloxías un xeito divertido.
A xornada incluíu o obradoiro de Alimentatic, que estivo a percorrer todas as comarcas da provincia. Un especialista en nutrición impartiu pequenas charlas sobre os mellores hábitos de alimentación para a poboación en xeral, e os maiores en particular, así como coñecementos básicos de nutrición nunhas datas habituais de excesos na mesa como o Nadal.
FUNDACIÓN TIC