Dous Centros de Estudos Galegos promoven unha nova revista electrónica

A nova revista, Galicia 21, que terá carácter anual, acepta artigos tanto en galego como en inglés sobre temas de investigación, sociolingüística, historia cultural, tradución e outras disciplinas.
Os centros de estudos galegos de Bangor, en Gales, e Stirling, en Escocia, promoven a edición dunha nova revista electrónica sobre a lingua galega que vai estar dispoñible de balde na rede no ano 2008. Galicia 21: journal of contemporary galician studies é o nome desta nova publicación, destinada a achegar aproximacións multidisciplinares a temas de crecente e actual interese no eido dos estudos galegos. Será a única publicación dedicada exclusivamente a este ámbito de estudo nun país anglosaxón.

Os responsables desta iniciativa son os directores dos centros de estudos de Bangor, Helena Miguélez-Carballeira, e de Stirling, Craig Patterson, que contan coa colaboración do profesorado lector de galego desas universidades e tamén coas achegas doutros profesores lectores e de responsables académicos. O Consello Editorial da revista está integrado por académicos e académicas das tres universidades galegas e de dez universidades diferentes do Reino Unido, do resto de Europa e dos Estados Unidos.

Na actualidade, Galicia 21 mantén aberta a posibilidade de que as persoas interesadas remitan artigos e críticas para o número inaugural. Estes poderánselle remitir a calquera dos responsables da revista, Craig Patterson (craig.patterson@stir.ac.uk) ou Helena Miguélez-Carballeira (h.m.carballeira@bangor.ac.uk).

A rede de centros de estudos galegos e lectorados promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ten un gran dinamismo e organiza múltiples actividades que superan o ámbito estritamente académico, co obxectivo de proxectar exteriormente a nosa lingua e a nosa cultura. Na actualidade, e grazas en boa parte ao traballo destes centros, o galego é obxecto de estudo e investigación en universidades de todo o mundo.

SANTIAGO
XORNAL.COM