Detido en El Aium o xornalista sueco Lars Björk

O fotógrafo freelance sueco Lars Björk foi detido na cidade de El Aium, capital do Sáhara occidental baixo control marroquí, o 19 de febreiro de 2007, tras ter sacado fotos dunha manifestación de mozos sarahauis que enarboraban a bandeira do Fronte Polisario.
Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) considera que un xornalista profesional, que visitou varias veces a rexión, non pode verse detido e ameazado sen que en iso se vexa a vontade das autoridades marroquís de impedir calquera cobertura independente da situación no Sáhara occidental.

Ademais, RSF denuncia que a vaguidade que mantén o Ministerio de Comunicación en relación ó criterio de concesión de acreditacións ós xornalistas estranxeiros non lles permite traballar en boas condicións.

Lars Björk foi detido ás 19 horas do 19 de febreiro no centro de El Aium, tras ter tomado fotos dos manifestantes. Confiscáronlle a cámara fotográfica e o pasaporte. Interrogárono, durante catro horas, na comisaría central da cidade.

As forzas de seguridade acusaron ó xornalista de espía do Polisario, e de ter organizado a manifestación. "Se tes sorte, expulsaráseche; se non, se denunciaráseche por ter relación cunha organización terrorista", dixéronlle os axentes de policía antes de deixalo en liberdade, convidándoo a presentarse de novo ó día seguinte na comisaría. O xornalista continúa en mans da policía.

Lars Björk, xornalista freelance, traballa regularmente para a axencia de prensa sueca Tidningarnas Telegrambyrä. Fora ó Sáhara occidental para facer unha reportaxe sobre as redes de inmigración ilegal. O 14 de febreiro recibiu en plena noite, no seu hotel, a visita dun delegado do Ministerio de Comunicación, quen lle dixo que non tiña dereito a traballar porque non dispuña de acreditación. Porén, a axencia para a que traballa enviou en decembro de 2006 un correo ó Ministerio, comunicándolle o desexo do xornalista de viaxar a El Aium. Pero segundo o seu visitante nocturno, o xornalista tería que ter enviado outro correo, xusto antes de efectuar a viaxe.

Nun caso similar, os xornalistas noruegueses Anne Torhild e Radmund Steinsvag non conseguiron aínda autorización do Ministerio de Comunicación para viaxar a El Aium, cando pasou máis dun ano desde que presentaron a petición na Embaixada de Marrocos en Oslo.

SÁHARA
PERIODISTAS-ES
Léonard Vincent