Clausúrase o Foro Internacional de Comunicación e Xuventude en Lugo

A Delegada provincial de Benestar Social da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Branca Rodríguez Pazos, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, pecharon onte o Foro Comunicación e Xuventude organizado polo Observatorio de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O encontro, celebrado no Centro Social Uxío Novoneyra, puxo fin a un mes de debate virtual sobre a relación entre a mocidade e os medios de comunicación.

Este foro, que abriu un debate na rede o pasado día 15 de xaneiro, celebrou esta xornada para poñer en común o balance dos temas debatidos no foro de internet. Ao longo de tres charlas, que deron comezo ás 9:30 horas, os poñentes analizaron a realidade da mocidade en relación cos medios de comunicación.

Miguel Vázquez Freire -profesor de filosofía no Instituto Eduardo Pondal- abriu a xornada cunha charla sobre a imaxe da mocidade proxectada dende os medios de comunicación. El mesmo ocupouse de moderar o debate entre Francisco Rodríguez Lestegás -Universidade de Santiago de Compostela-, María Dolores Rodríguez Amoroso -Consello de Xuventude de Galicia- e Santiago Jaureguizar –xornalista de El Progreso- así como con todo o público participante.

Un dos temas que coincidiron en salientar é que os medios de comunicación tradicionais non acaban de atraer ao público xuvenil, que prefire informarse a través dos diarios dixitais alternativos ou a través dos blogs. O máis atractivo dos medios virtuais para a xuventude é a inmediatez, a accesibilidade e, sobre todo, a capacidade de interacción. As novas tecnoloxías son aproveitadas polos mozos tanto para acadar información como para xerala e opinar sobre ela.

Este fenómeno, chamado 'Cibercultura', amosa a tendencia entre a mocidade de crear os seus propios ámbitos informativos, que se confirma co imparable crecemento experimentado por Internet e polos blogs.

O profesor Miguel Vázquez sinalou que "dende o punto de vista do xornalismo, o problema máis acuciante é que fronte á obxectividade e a procura de veracidade, estase a impoñer un modelo de inmediatez e de acontecemento que sacrifica a reflexión". Outra das opinións máis comentadas foi o problema de infantilización da sociedade debido o modelo imperante da xuventude como estado ideal fomentado dende a publicidade e cunha total ausencia de crítica.

A base deste foro, como do resto dos organizados polo Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social do Observatorio, foi poñer en contacto as experiencias, opinións e puntos de vista dos sectores académico, profesional do xornalismo e das asociacións, na busca analizar todos os matices da relación entre mozos e medios de comunicación.

Dende o pasado 15 de xaneiro, a páxina web do Observatorio (www.observatoriodosmedios.org) acolleu o foro virtual sobre Comunicación e Xuventude, con case trinta comunicacións de xornalistas, asociacións de xuventude e investigadores e investigadoras, non só achegadas de Galicia e de todo o estado, máis tamén de México, Brasil, Colombia, Estados Unidos ou Australia. O encontro presencial serviu para compartir as conclusións do foro virtual e acadar a participación de todos os sectores implicados. Cos resultados de ambas partes, van ser redactadas unhas conclusións para tentar avanzar na procura dun mellor tratamento das temáticas que inflúan sobre a xuventude. Ademais diso, os textos seguirán disponibles na rede para todo aquel que queira comentalos.