Cegasal amplía ata o 30 de abril o prazo para optar ao seu premio xornalístico

Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) decidiu ampliar nun mes o prazo de presentación para os traballos que concurran ao Premio á Mellor Información de Economía Social, no que colabora o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 

A ampliación responde á entrada en vigor o pasado día 9 de marzo da nova Lei de Contratación Pública que presenta importantes novidades relacionadas cos centros especiais de emprego e a contratación de persoas con discapacidade. A falta de tempo para se documentar sobre a nova lei e as peticións de diversos medios de información adicional levaron á asociación que dirixe José Antonio Vázquez a prolongar do 30 de marzo ao 30 de abril a data límite para a presentación dos traballos.

O premio organizado por Cegasal divídese en dúas categorías: unha dedicada ao mellor traballo en prensa escrita ou diarios dixitais, e unha segunda para informacións de radio e televisión. Estes dous galardóns, dotados con 1.500 euros cada un, manteñen o obxectivo inicial de dar visibilidade ás persoas con discapacidade de Galicia e mostrar as dificultades coas que se atopan á hora de optar ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman Cegasal.

Por segundo ano, o galardón conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, cuxo vicedecano, Xosé Manuel Pereiro, estivo na presentación desta segunda edición, que tivo lugar na Coruña.

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro pódense consultar nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas e de Cegasal. O prazo de recepción dos traballos péchase o próximo 30 de abril e os ganadores serán anunciados na primeira quincena de maio. 

O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os traballos deberán enviarse, vía mail, á seguinte dirección de correo: cegasalcomunicacion@gmail.com, ou por correo ordinario ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo. 15707 Santiago de Compostela). A información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor da mesma.