Case a metade dos internautas españois escoita radio na rede
O AIMC Q Panel da Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación revela que o 46,2% dos internautas españois escoita a radio por internet, unha porcentaxe que sube ano a ano desde o comezo do estudo en 2017.
A Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación presentou este luns 29 de xullo os resultados dun novo estudo, realizado a través do AIMC Q Panel, no que se mostran as preferencias dos internautas sobre o consumo radiofónico. Este cuestionario, que se realiza por terceiro ano consecutivo, recolle datos de interese sobre a radio que non aparecen nas enquisas do Estudo Xeral de Medios, analizando a interacción entre o analóxico e o dixital nos ouvintes de radio con acceso a Internet.
A conclusión principal do estudo é que case a metade dos internautas escoitan a radio por Internet. En concreto, o 46,2% dos internautas españois declaran telo feito o último ano, o que supón un incremento constante desde 2017, cando apenas o facía o 40,7%. Máis da metade dos ouvintes da radio por internet, o 54%, escolle para facelo a páxina web da canle, mentres que o 30% o fai desde a aplicación oficial da canle e un 23,9% desde outras apps. Por outra banda, o consumo de podcasts en diferido aumentou até o 30,2%, case dez puntos máis que no 2017.
No que respecta ao consumo xeral de radio, o 91% dos enquisados escoitou a radio nos últimos 30 días, e o 75% dos internautas se declaran ouvintes de radio, sendo a franxa horaria de entre as seis e as dez da mañá a máis habitual para escoitala. O coche, por outra banda, manténse como o lugar preferido para escoitar a radio: o 94% dos internautas afirma que no último mes escoitou audio nalgún vehículo, sendo a radio por ondas hertzianas (cun 86,3%) o método preferido, ainda que recuando en favor da radio por internet e da música en dispositivos USB ou móbiles.
CPXG