Aslı Erdoğan, Ignacio Escolar, Xosé Hermida, Virginia Pérez Alonso, 'Peridis' e Jorge Ramos, candidatos ao XIII Premio Couso

Seis candidaturas, catro homes e dúas mulleres, concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As propostas desta XIII Edición son Aslı Erdoğan, Ignacio Escolar, Xosé Hermida, Virginia Pérez Alonso, José María Pérez González Peridis e Jorge Ramos.

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 6 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir ao gañador.

Sobre os candidatos

Aslı Erdoğan é escritora e activista polos dereitos humanos turca, física de formación. Iniciou a súa carreira literaria, na que destaca a novela A cidade cuxo manto é vermello, en 1994, e compaxinouna coa publicación de máis de 200 columnas de opinión en varios xornais: na actualidade no Özgür Gündem e previamente no Radikal. Foi perseguida e sufriu numerosas campañas de acoso en Turquía polos seus escritos, polo que viviu exiliada varios anos. O 16 de agosto do 2016 foi detida na súa casa, saíndo en liberdade provisoria, á espera de xuízo, o 29 de decembro. Ten prohibido abandonar o país. 

Ignacio Escolar García iniciou a súa carreira xornalística en 1995, traballando en medios como Cinco Días, El Mundo, Muy Interesante, Rolling Stone, Tele 5, La Voz de Almería ou a Cadena Ser.  Foi fundador e director entre 2007 e 2009 do diario Público e, desde o seu nacemento no 2012, dirixe o xornal dixital eldiario.es. Colaborador e tertuliano en numerosos medios, en abril de 2016 cesaba a súa participación no programa Hoy por Hoy da Cadena Ser, logo de que eldiario.es publicara unha información referida aos Papeis de Panamá nos que supostamente figuraban achegados a Juan Luís Cebrian, presidente executivo do grupo propietario da canle.

Xosé Andrés Vázquez Hermida comezou a traballar como correspondente de Boiro para El Correo Gallego. Posteriormente pasou pola Radio Galega, onde dirixiu un informativo e unha tertulia, e acabou colaborando con El País. En 1989 asume a correspondencia galega deste diario. No ano 2006, coa creación da delegación en Galicia, é nomeado subdelegado e, a partir do 2008 delegado de El País nesta comunidade. Tras o peche da edición galega en 2015, trasládase a Madrid e ocupa diversos postos en varias seccións do periódico. Finalmente, a principios deste ano asume o cargo de delegado en Brasil do diario.

Virginia Pérez Alonso ten unha ampla traxectoria no xornalismo, especialmente no ámbito dixital. Traballou en EFE e La Voz de Galicia antes de dar o salto a 20minutos, onde foi directora adxunta da edición online. Entre 2015 e 2016 encargouse da dirección de elmundo.es e na actualidade é subdirectora de Público. Desde 2014 é presidenta da Plataforma en Defensa de la Libertad de Información, e en 2016 foi escollida membro da xunta directiva do International Press Institute, converténdose na primeira muller española (e a primeira de fala hispana) que forma parte deste órgano. Tense destacado na loita contra os excesos producidos pola Lei Mordaza.

José María Pérez González, Peridis, é arquitecto, escritor e humorista gráfico. Comezou a súa carreira como debuxante no Diario Palentino, e máis tarde noutras publicacións como Diario SPInformaciones ou Cuadernos para el diálogo. Desde o nacemento do diario El País, o 4 de maio de 1976, publica unha tira diaria sobre a actualidade política neste xornal, que o ten situado como un dos máis influentes humoristas gráficos españois, caracterizado por un alto sentido do humor e o seu estilo propio para caracterizar as personaxes. Realizadas con absoluta liberdade, algunhas das súas tiras teñen a forza dun editorial. 

Jorge Ramos Ávalos, xornalista mexicano, comezou a súa carreira na Cidade de México, de onde emigrou en 1983, tras un incidente de censura, a Los Angeles, onde comezou a traballar en Univisión. Dende 1986 é presentador do Noticiero Univisión e dende 2007 conduce o programa Al punto, ademais de publicar unha columna semanal en máis de 40 xornais. Ao longo da súa carreira cubriu cinco guerras, entrevistou a numerosos líderes mundiais, publicou unha ducia de libros e gañou oito premios Emmy. O 25 de agosto de 2015 protagonizou, moi ao seu pesar, un incidente con Donald Trump, no que o daquela candidato á Casa Branca o expulsou da sala de prensa. 

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 6 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 4 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As doce edicións anteriores foron para Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia