Asasinan a un fotógrafo da axencia de noticias AP en Bagdade

O mensaxeiro e fotográfo da axencia Associated Press Ahmed Hadi Naji, de 28 anos, morreu como consecuencia dun disparo na caluga. O seu corpo apareceu seis días despois da súa desaparición.
O cadáver de Ahmed Hadi Naji, de 28 anos, foi encontrado cun balazo na caluga seis días despois de ter sido visto por última vez pola súa familia cando saíu da súa casa para dirixirse ó seu traballo, comentou a directora de prensa e relacións públicas da axencia nun comunicado.

Linda Wagner sinalou que Naji, cuxo corpo sen vida foi encontrado nunha morgue, traballou durante dous anos e medio como mensaxeiro e cámara ocasional para a axencia Asociated Press (AP).

"Todos en AP compartimos a dor e a pena que atravesan a familia e os amigos de Ahmed", expresou nun comunicado o presidente e conselleiro delegado da axencia, Tom Curley.

"A situación dos nosos xornalistas en Iraq non ten precedentes nos 161 anos de historia de AP cubrindo guerras e conflitos. A coraxe dos nosos colegas iraquís e a súa dedicación constitúen un exemplo do valor do xornalismo para o mundo", agregou o comunicado.

Estrañas circunstancias

Wagner explicou que as circunstancias que rodearon a morte de Naji, que deixa esposa e dous fillos xemelgos de catro meses de idade, non están claras.

Iraq foi por unha gran diferenza o país máis letal para os xornalistas en 2006, con 32 mortos, segundo os datos do Comité para a Protección de Xornalistas, con sede en Estados Unidos.

O grupo informou de que 92 xornalistas e outras 37 persoas entre asistentes, intérpretes, condutores e empregados administrativos morreron nese país desde o comezo da invasión liderada por Estados Unidos en 2003.

NOVA YORK
ESTRELLA DIGITAL / AXENCIAS