As privadas rexeitan a Lei do Cine porque din que empeora a situación

A Unión de Televisións Comerciais Asociadas (UTECA), que agrupa ós operadores de televisión privada máis importantes de España, rexeitou as "novas cargas económicas que o Ministerio de Cultura quere impor", e que están contempladas no proxecto de lei da nova Lei do Cine.
Este texto lexislativo mantén a obriga das cadeas de destinar un 5% dos seus ingresos á compra e produción de cine europeo e esixe ás televisións que invistan outro 1% en "espazos de promoción" das películas sufragadas.

UTECA sinalou que "realizará cantas accións sexan necesarias para defender os seus intereses e evitar o novo gravame".

Segundo denunciou nun comunicado, este coeficiente de inversión "é exclusivo de España". Desde a súa creación, en 1999, foi unha das reclamacións recorrentes do sector privado, dado que a normativa europea só obriga ás televisións dos países membros a que o 51% da súa emisión anual sexa de obra europea, excluíndo telexornais, concursos e retransmisións.

As televisións privadas consideran que esta "imposición" é "antinatural e anticompetitiva", xa que, ó seu xuízo, "non ten sentido que un sector empresarial sexa obrigado a financiar outro". Así mesmo, cargan contra a medida porque cren que é "antieuropeísta" xa que, aseguran, dese 5% de inversión, o 60% debe destinarse a cine español.

Segundo UTECA, a nova proposta "altera gravemente o inestable equilibrio preexistente e recrúa un enfrontamento que parecía amainado". A asociación critica unha medida que "empeora a situación" pola obriga de investir un 1% en promocionar as películas nas que invistan.

"O ano no que as produtoras das televisións fixeron as películas máis exitosas, como 'Alatriste', 'O labirinto do fauno', 'Os Borgia' ou 'Salvador', obrígase ás televisións a converterse en simples compradoras de dereitos de emisión", critican.

Para as cadeas, o documento de bases para a nova Lei do Cine elaborado polo Goberno, "peca de exceso de continuísmo e de falta de valor".

Na súa opinión, "a solución do cine español non pasa por seguir protexendo ó produtor independente, como se este fóra o único capaz de reflotar unha industria que languidece e non o maior causante dos seus males, senón, moi ó contrario, por defender estruturas fortes e integrar nelas a eses mal chamados produtores independentes", conclúen.

MADRID
EL MUNDO / EUROPA PRESS