As cadeas nacionais emitiron no 2006 unhas 7.000 horas de publicidade

Foron máis de catrocentos mil minutos de emisión de publicidade nun ano, o que supón case sete mil horas de anuncios. É o que nos ofertaron as cadeas nacionais e autonómicas de TV ó longo de 2006.
As cifras de negocio incrementáronse coa aparición en escena de dúas novas cadeas, Cuatro e La Sexta. A maior xeradora publicitaria -en tempos de emisión e non necesariamente en beneficios- foi Antena 3, que de cada 100 minutos que emite, uns 17 son anuncios. E neste 'ranking' non se conta cos tempos das teletiendas. TVE 1 gastou en anuncios o 14,9% do seu tempo.

A posta a pleno rendemento das dúas novas cadeas de televisión en 2006, Cuatro e La Sexta, supuxo, entre outras cousas, que o tempo dedicado á publicidade polo conxunto das cadeas nacionais volva a incrementarse de forma decidida. Desde o ano 2003 e en medio dunha evidente crise do sector, o tempo dedicado a publicidade polas cadeas entrara nunha fase de lento pero continuado recorte, favorecendo así unha maior eficacia dos spots comerciais, que se viu interrota o ano pasado.

Curva de inflexión

Segundo o observatorio da publicidade da Asociación Española de Anunciantes (AEA) remitido á axencia 'OTR/Press', se no 2003 o tempo medio mensual de publicidade alcanzaba 341.051 minutos, ó ano seguinte baixou a 334.909 e no 2005 a só 331.492. Parecía que en época de vacas fracas os números ían seguir baixando, pero quizais por iso -polas vacas fracas e a necesidade imperiosa de vender produto- se produciu unha notoria curva de inflexión.

Así, o ano pasado este parámetro medrou ata conseguir a marca histórica de 418.574 minutos. Nunca antes tragáramos tanta publicidade televisiva, aínda que agora houbese máis cadeas para se comer a torta xigantesca da oferta.

O incremento, efectivamente, débese a que Cuatro pasou dun 7 a un 14,2 por cento de emisión dedicada a publicidade e La Sexta alcanzou nos seus primeiros meses de vida un 7,1 por cento.

En cabeza situouse Antena 3, cun 17 por cento de emisión dedicada a publicidade, seguida de Telecinco, cun 16,5; TVE-1 cun 14,9, e La 2, que tivo neste sentido un ano máis ben proveitoso, cun nada desdeñable 11,6 por cento.

As teletendas

Se se teñen en conta as teletiendas, os avances de programación e as autopromocións, a cadea que dedica máis tempo a emitir cousas que non son propiamente programas é Telecinco, cun 29,6 por cento da súa grella; seguido de Antena 3, cun 28,1; Cuatro, cun 26,7 por cento, súmase, como se pode ver, ó remuíño publicitario; a primeira cadea de Televisión Española, pola súa parte, queda cun 17,5; La 2, cun 14,1, e La Sexta, con 'só' o 11,9 por cento.

Entre as autonómicas, Canal Sur, a cadea andaluza, foi a que máis tempo dedicou ó denominado 'resto de emisión', cun 19,3 por cento, seguida de Telemadrid, cun 14 por cento, e Canal Nou, cun 12,3. ETB2 (a TV vasca), a Televisión Galega e TVCM están entre o 11 e o 12 por cento, mentres que a catalana TV3 se queda no 10,2.

MADRID
LA NUEVA ESPAÑA