Alumnos da EIS de Lugo transmiten en directo o VII Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana

Gravación do VII Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana (Foto: Fundación TIC)

A TIC da Deputación de Lugo transmitiu de novo en directo o Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana, que este ano se adiantou ao 19 de xaneiro. A cita, que celebrou a súa sétima edición, estivo organizada polos alumnos de Administración e Xestión do centro lucense, coa axuda da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o departamento de Informática do CIFP Politécnico de Lugo.

Dez alumnos e alumnas de segundo curso de Realización Audiovisual da Escola da TIC, baixo a supervisión dun docente, encargáronse da transmisión en streaming. Os estudantes rotaron entre os postos de realizador, mesturador, son e cámara, permitindo así que todos tiveran as mesmas oportunidades de aprendizaxe. Esta foi a primeira experiencia cunha práctica fóra das aulas da Escola en 2018. Poderán repetir esta oportunidade no Campionato Internacional de Baristas que se celebra dentro dun mes en Foz.

Probas tipo test

Alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo déronse cita ás 11.00 horas no salón de actos do IES Muralla Romana. Unha xornada lúdica que forma parte da formación dos estudantes de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos do centro lucense.

Ao longo de toda a mañá tiveron lugar distintas probas eliminatorias ás que se enfrontaron os equipos. Os alumnos sometéronse en cada unha delas a dez preguntas tipo test elaboradas por profesores das distintas áreas do instituto anfitrión. Ao finalizar o certame, tivo lugar a entrega de premios aos centros situados en mellor posición.

FUNDACIÓN TIC