Aleida Quintana nos Almorzos On/Off: "As autoridades en México contan cos mecanismos para localizar as persoas desaparecidas, pero non había a vontade de facelo"
Aleida Quintana, antropóloga e defensora dos dereitos humanos en México, explicou hoxe no Almorzo On/Off organizado en Santiago polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional a situación das persoas desaparecidas no Estado de Querétaro.
O estado de Querétaro publicítase como un dos estados máis seguros de México, sosténdose "o discurso oficial de que a criminalidade non existe". Porén, segundo Quintana, era "un segredo a voces que existía un pacto entre o goberno e os cárteles do narcotráfico" que permitía aos narcos estabelecerse neste estado a cambio de que non cometeran delitos graves alí. En 2013, e dentro dun programa da Universidade Autónoma de Querétaro, Aleida Quintana comeza a investigar a desaparición de persoas neste estado, un fenómeno que oficialmente só se limitaba aos estados do norte do país. Contrastando datos dos reportes de desaparecidos da páxina web de Fiscalía (chea de "anomalías" como a elilminación dalgunhas fichas ou a publicación de máis fichas de homes e mulleres adultas que de nenas) comeza a facer públicos datos de desaparecidos en Querétaro: 153 no 2013, 177 no 2014, 407 no 2015, 629 no 2016, máis de 800 no 2017. "En todo este tempo, o discurso oficial foi que non había ningún desaparecido", afirma Quintana.
O seguemento dos casos de desaparicións de persoas e localización dalgunhas delas con vida permiriu que puideran narrar o que lles sucedera, desvelando datos como as torturas e agresións sufridas ou que a maioría das desaparecidadas eran vítimas de trata dirixidas á prostitución, á mendicidade, ao traballo ou o sicariato forzado (sobre todo con caso de homes adultos) ou ao traballo doméstico (no caso de mulleres indíxenas). No proceso de trata de persoas traballaban en conxunto dous ou máis cárteles do narcotráfico, complicando aínda máis a súa localización. Ademais, Quintana denuncia unha falta de interese en localizar ás persoas desaparecidas, "probabelmente relacionada con que poden ser testemuñas", e alegando en moitas ocasións falta de recursos: ""As autoridades en México contan cos mecanismos para localizar a estas persoas, pero non hai, ou non había, a vontade de facelo".
O traballo de Aleida Quintana, centrado na denuncia desta situación e no acompañamento psicosocial ás familias, especialmente das mulleres vítimas de feminicidio, provocoulle sufrir numerosas ameazas e agresións. En 2013 "comezan as ameazas en persoa por parte de servidores públicos, ademais de por vía telefónica, mensaxes de texto ou Facebook", denuncia. En 2015 comeza a ter escolta, pero as agresións e ameazas non cesan, acompañadas dunha "campaña de desprestixio nos medios" por parte de servidores públicos. En 2017 foxe do Estado de Querétaro logo de que o cargador da arma dun dos seus escoltas fora robado, e en xaneiro de 2018 sofre a última agresión física, tras a que decide acollerse ao Programa de Protección Temporal de Defensores e Defensoras de Dereitos Humanos de Amnistía Internacional, polo que leva case un ano acollida en España. Neste momento, Quintana está a pensar se regresar a México, mais "no caso de volver, pediriamos que se nos garanta seguridade".
Con todo, Quintana móstrase optimista tras o cambio de goberno federal en México e os primeiros cen días do mandato de López Obrador: "Marcou un antes e un despois, sobre todo no tema da localización das persoas desaparecidas", afirma, destacando a resolución dalgúns feminicidios especialmente emblemáticos. Neste sentido, apunta como principais retos do novo goberno o poder dos cárteles do narcotráfico e os vínculos entre as autoridades con estos cárteles, especalmente a nivel estatal. "Agora polo menos hai posibiidades de que vixilen os recursos a nivel federal", salienta Quintana, "pero ten que haber tamén acompañamento internacional". Ademais, pide acompañamento psicosocial para as familias e tomar en conta as vítimas máis directas.
Aleida Quintana
Almorzos ON/OFF
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
Demarcación de Santiago
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia