Aberto ata o 10 de abril o prazo para votar no XIV Premio Couso
Os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poden escoller ata as 19:00 horas do 10 de abril o gañador do XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As propostas desta edición son Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero.
O XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten aberto ata as 19:00 horas do 10 de abril o prazo para votar entre as catro candidaturas: Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero. Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación.
Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.
O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. Está previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical que cada ano ameniza o certame.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia