A Xustiza libra a unha comisión de festas de pagarlle os dereitos á SGAE

A Audiencia Provincial da Coruña fallou en contra da Sociedade Xeral de Autores e Editores, SGAE no preito polas festas de Cedeira en 2003. O xulgado de primeira instancia condenara á Comisión de Festas local a pagar 5.000 euros pola dereitos da música.
Porén, a Xustiza di agora que a Comisión «carece de capacidade para ser parte» no conflicto, polo que non pagará un peso. Malia todo, a xurisprudencia sobre se as comisións e os concellos teñen que pagar á SGAE polas festas segue a ser confusa.

Nun comezo, o xulgado de Ortigueira librara do pago ao Concello, por entender que só financiaba as festas e non as organizaba. Aínda así, condenou á comisión a pagar 5.000 euros. A SGAE reclamaba 12.000 por vulneración dos dereitos de autor. Nun caso semellante, segundo informa La Voz de Galicia, a Xustiza atopou responsábel ao Concello das Somozas, por ser organizador "indirecto" das festas.

No caso de Cedeira actuaran grupos como Danza Invisible, Cristina Pato ou Ráfaga, ademais das bandas de música dese concello, Ortigueira, As Pontes e Arca.

SANTIAGO DE COMPOSTELA