A TIC realiza cinco documentais con testemuños de familiares de presos no Vello Cárcere de Lugo durante a guerra civil

Imaxe dun dos documentais (Foto: Fundación TIC)

Os vídeos “Vivencias” proxectáronse durante os actos de celebración do primeiro aniversario deste espazo reconvertido en novo centro cultural da cidade amurallada.

A Fundación TIC da Deputación de Lugo proxectou cinco documentais durante os actos organizados polo Concello de Lugo con motivo do primeiro aniversario da apertura do Vello Cárcere como centro cultural na cidade amurallada. Os audiovisuais, baixo o título Vivencias, foron elaborados por un equipo de profesionais e bolseiros d TIC, e recollen testemuños de familiares de presos neste presidio durante a guerra civil e a represión franquista.

Nestes vídeos os protagonistas falan en primeira persoa dos seus recordos daquela época e do que foron coñecendo co tempo: as vexacións, humillacións ou maltrato que sufriron os seus familiares presos no cárcere de Lugo que, malia ter capacidade para 125 internos, chegou a albergar máis de 900, o que facilitaba a propagación de enfermidades por falta de hixiene. Tamén lembran a represión, discriminación e as dificultades que viviron as familias destes presos nunha época, a guerra e posguerra, xa especialmente dura. Os documentais inclúen fotografías, documentos e noticias de xornais da época.

Os protagonistas

Na iniciativa participaron José Luis Mundiña Pozas, fillo de Ramón Mundiña Gil, que tiña sete anos cando detiveron ao seu pai en xullo de 1936, e que ten recordos moi vívidos da detención e de todo o calvario que tivo que sufrir a súa familia; Manuel Cuesta Vázquez, fillo de Eusebio Cuesta Fernández, mestre albanel que foi detido en Monforte en xullo de 1936 e trasladado ao cárcere de Lugo en 1937; Rafael Pérez de Vega, un dos netos do doutor Rafael de Vega, fusilado en outubro de 1936; e Claudio Rodríguez Fer, fillo de Claudio Rodríguez Rubio, detido e ingresado en 1945.

Tamén se proxectou o audiovisual elaborado pola TIC Exposición dende o panóptico, cada cela unha fiestra, unha pequena homenaxe aos 13 artistas da tripla exposición interdisciplinar que acolleu o Vello Cárcere e que reuniu, por primeira vez, unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular, que dialogaron co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obras escollidas ou elaboradas de maneira específica para este lugar.

FUNDACIÓN TIC