A TIC de Lugo entrega copias da curtametraxe 'A Chave de Bascuas' aos veciños de Guitiriz

Entrega dos DVD de 'A Chave de Bascuas' (Foto: Fundación TIC)

A TIC participou na produción da curta coa achega de apoio técnico e a participación de bolseiros e estudantes en prácticas.

O padrón da Fundación TIC Álvaro Santos Ramos, acompañado pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, entregou 1.500 copias da curtametraxe A Chave de Bascuas aos veciños do municipio. Santos subliñou “o interese da TIC en achegar ao pobo de Guitiriz un traballo de calidade froito do talento do mozo deste municipio, Bruno Penas, que se formou na Escola de Imaxe e Son de Lugo”. 

“Coa difusión e promoción da película, baseada nunha tradición ancestral da aldea de Bascuas, a TIC e o Concello de Guitiriz tentan preservar o patrimonio inmaterial e a recuperación da memoria a través das tradicións, como legado ás xeracións vindeiras”, engadiu Santos.

A TIC cos seus titulados

A Fundación TIC participou dende o principio na produción de A Chave de Bascuas, idea orixinal do guitiricense Bruno Pena, na que traballaron outros tres titulados da EIS, coa prestación de apoio técnico e a participación de bolseiros e estudantes en prácticas, durante a súa rodaxe.

Á estrea da película, que tivo lugar o pasado mes de outubro, no Balneario de Guitiriz, asistiron máis de 300 persoas ás que hai que engadir os preto de douscentos asistentes a dúas sesións posteriores, na Escola Habaneira. Dende entón, as proxeccións continuaron noutros centros, coma o CEIP Lagostelle de Guitiriz, onde o seu director, Bruno Pena, acudiu a presentala xunto ao coordinador da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco.

Tradición Ancestral

A Chave de Bascuas está baseada nunha tradición ancestral segundo o cal as persoas ou animais con rabia podían curarse cunha chave que se conserva na capela de Bascuas, na parroquia de San Salvador. Ao parecer, existían dúas chaves que se queimaban ata poñerse incandescentes para marcar na fronte ao afectado e liberalo da doenza.

A curta formou parte dun proxecto de fin de grao, que contou coa colaboración do Concello de Guitiriz, da Asociación Xermolos e varias empresas co fin de dar a coñecer este costume case esquecido na bisbarra de Guitiriz, que se mantivo grazas á tradición oral.

A curtametraxe, duns 15 minutos de duración, reflicte como era a vida na aldea de Bascuas, e en Galicia en xeral, nos anos 20 do século XX, as festas, vestimentas, e os costumes da época.

FUNDACIÓN TIC