A TIC de Lugo e o CB Breogán presentan ante a afección o videoclip do 50 aniversario do club celeste
Proxectouse durante o descanso do encontro deste sábado e inclúe localizacións como a muralla e a catedral e a participación de históricos celestes como Manel Sánchez
A Fundación TIC da Deputación de Lugo e o Club Baloncesto Breogán presentaron este sábado ante a afección o videoclip realizado con motivo do 50 aniversario do club celeste. A proxección do audiovisual, de tres minutos, tivo lugar durante o descanso do encontro a través dunha pantalla xigante. O paso das imaxes estiveron acompañadas co himno oficial do club, composto polo lucense David Prado.
No acto estiveron presentes figuras que foron claves na historia do club e que participan no vídeo. Entre eles destacan o que foi adestrador durante anos Lisardo Gómez ou Manel Sánchez, o celeste máis internacional e xogador español con maior media de anotación na historia do ACB.
Este percorrido polo medio século de vida do club está narrado a través de fotografías antigas e recortes de xornais da súa época dourada na ACB. Conta tamén coa presenza do actual cadro de xogadores, directiva e membros que forman parte nestes momentos do Cafés Candelas Breogán.
A marca Lugo a través do deporte
O vídeo do 50 aniversario do Breogán realizado pola TIC é unha das accións que se engloban no contrato de patrocinio que a Deputación de Lugo e o club celeste asinaron para a promoción da marca Lugo e provincia, a través do baloncesto. Ademais da súa proxección no Pazo, o audiovisual difundiuse na emisión por streaming do encontro, que seguiron unhas 6 mil persoas. Tamén está presente na web e redes sociais do club lucense.
Deste xeito, as imaxes actuais que contén o audiovisual foron gravadas en seis espazos emblemáticos da cidade. Os escenarios elixidos son: a Muralla de Lugo, a Catedral, o Parque de Rosalía, o Paseo do Miño, a Praza Maior e o Pazo Universitario dos Deportes.
FUNDACIÓN TIC