A TIC colabora con Raiolas na elaboración do seu almanaque solidario para o 2019 que se porá á venda a finais de ano
Un equipo da TIC realizou as fotografías do calendario, co que a asociación recadará fondos para mellorar a vida das persoas con autismo e TEA e das súas familias.
Un equipo da TIC da Deputación, formado por un profesional e varios bolseiros, veñen de rematar esta semana as sesións fotográficas para elaborar o Calendario Solidario 2019 da asociación de autismo Raiolas Lugo. Nestes posados, que o colectivo lucense organiza cada ano participan agrupacións relevantes da sociedade lucense. Nesta ocasión, nos doce meses do vindeiro 2019 acompañarán aos nenos e mozos de Raiolas representantes de diversos colectivos culturais de toda a provincia, entre os que tamén participan traballadores da TIC.
As fotografías, realizadas en formato amplo e de gran calidade, realizáronse na sede do colectivo lucense e en varias localizacións da cidade, como é o caso do Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón. Raiolas presentará a finais de ano este almanaque solidario, que ten por obxectivo recadar os máximos fondos posibles para financiar terapias e continuar a desenvolver actividades que melloren a calidade de vida das persoas con autismo e TEA, e das súas familias.
Os colectivos lucenses que participan no calendario 2019 de Raiolas son os seguintes: Escritores de Lugo, Tradescola, Cantigas e Flores, Achádego Teatro, Grupo Movemento de Vilalba, Hipócrita Teatro, Coral del HULA, Escuela de Artes y Oficios Ramón Falcón, Conservatorio Profesional de Música,Conservatorio Profesional de Danza, Ítaca Teatro, Fundación TIC.
Nova colaboración da TIC
A TIC mantén desde o 2009 un convenio de colaboración con Raiolas Lugo, para difundir a súa actividade a través da realización de produtos audiovisuais. A Asociación Raiolas foi constituída na cidade de Lugo en marzo de 2000. É unha organización sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública en 2011.
Raiolas Lugo é unha das máis de 200 asociacións culturais, agrupacións veciñais e entidades deportivas da provincia coas que colabora a TIC. Con estes convenios, o organismo dependente da Deputación permite ademais completar a formación teórica dos estudantes da súa Escola de Imaxe e Son de Lugo, e favorecer a súa inserción laboral.
FUNDACIÓN TIC