A TIC colabora co Concello de Viveiro na conservación e divulgación do patrimonio persoal mariño do municipio

Gravación da entrevista a Paco Alonso (Foto: Fundación TIC)

Darío Campos anunciou que “a colaboración arrancará cun audiovisual sobre Paco Alonso, patrón e armador de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”.

A TIC da Deputación de Lugo contribuirá a preservar a cultura pesqueira do Concello de Viveiro coa elaboración de audiovisuais que formarán parte de Vivemar, proxecto sociocultural que promove o Goberno viveirense para a promoción e divulgación dos valores do mar e dos ríos deste municipio da Mariña, prestando especial atención á memoria das persoas vivas.

O Presidente da institución provincial, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, acompañados por Lucas Requejo de Vivemar, presentaron esta iniciativa, pola que a TIC gravará a testemuña dos protagonistas en primeira persoa.

Campos Conde anunciou que “esta colaboración arranca coa entrevista a Paco Alonso, armador e patrón de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”. O máximo responsable provincial dixo que “ninguén mellor que este viveirense para contarnos como evolucionou Viveiro no último século. A través da súa experiencia vital e profesional de case cen anos podemos coñecer a transformación do sector pesqueiro e da propia sociedade viveirense. O audiovisual incluirá documentación gráfica e recollerá termos en desuso, como tipos de artes de pesca, entre outros”.

Destino do documental

Segundo María Loureiro os traballos da TIC teñen varios obxectivos: “por unha banda, o documento pasará a formar parte do arquivo audiovisual da cidade; por outra, será motivo de traballo no ámbito educativo do Concello, coa súa proxección nas escolas e institutos da cidade; e por último, terá unha finalidade turística, xa que a gravación servirá para achegar aos visitantes experiencias que os aproximan ao mar e a súa cultura”.
 
Paco Alonso, historia viva do mar

Paco Alonso, xunto ao seu irmán Ramón, foi armador do boniteiro “Hermanos Alonso”. É un dos protagonistas directos do desenvolvemento da pesca na Mariña, da irrupción dos avances, o acceso aos novos caladoiros e da evolución dos barcos e da sociedade mesma. Testemuña privilexiada do que a pesca supuxo e supón para Viveiro, contribuíu coa súa achega ao que hoxe é o porto de Celeiro.

FUNDACIÓN TIC