A SGAE ameaza un blogueiro por asociar o nome da entidade co termo "ladrones" en Google

Julio Alonso, un blogueiro madrileño, acaba de recibir un fax da SGAE, que ameaza con demandalo. A razón é que Alonso participou co seu blog nunha campaña de 'googlebombing', un sinxelo método para asociar dous termos nos resultados de Google.
Neste caso, a campaña logrou que cando se buscaba 'ladrones' en Google a primeira web que aparecía era a da SGAE.

A entidade reaccionou dándolle a Alonso vinte e catro horas para retirar o post, que formaba parte dunha campaña contra esta entidade. No caso contrario "procederemos a iniciar accións legais contra vostede" indicaba o burofax da SGAE.

Pero Alonso non se amedrentou e, ademais de publicar a ameaza, contratou o Bufet Almeida, que conta cun dos avogados con máis experiencia no estado en preitos sobre a liberdade de expresión na rede.

Que é iso do 'googlebombing'?

O 'goolebombing' consistía en usar a propiedade "title" do códiggo html para relacionar dous términos nas buscas de Google, que usan esta propiedade como un dos seus principais argumentos.

A nivel internacional existían moitas campañas, a máis famosa lograba que a páxina oficial de George W. Bush fose a primeira cando se buscaba "miserable failure", fracaso miserable en inglés. Ante esta situación, Google reaccionou corrixindo o seu sistema para rebaixar a eficacia das campañas de 'googlebombing'.

O blogmillo contraataca

Dende o blogmillo tense acusado a Google de que está modificación supón un ataque á liberdade de expresión . Malia todo, aínda que a web da SGAE xa non é a primeira cando se busca "ladrones", o post de Alonso contra a SGAE, titulado "SGAE = ladrones", segue a figurar na primeira páxina de resultados de Google. Ademais, xa apareceron novas propostas para continuar a campaña contra a SGAE, burlando a modificación lanzada por Google.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
VIEIROS
Manuel Vilas