A segunda edición de Xornalismo na Escola chega a Lugo

A segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” para levar talleres de comunicación ao alumnado de 3º e 4º da ESO de Galicia, chega este luns 24 de marzo á provincia de Lugo cun obradoiro impartido por Ángeles Fernández no IES Sanxillao da capital. 

O taller do IES Sanxillao, que se vai celebrar de 16.30 a 18.10 horas, e no que van participar 50 alumnos e alumnas, é unha etapa máis no desenvolvemento desta segunda edición de Xornalismo na Escola, que se iniciou o pasado dous de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía e que xa ten chegado a Vigo, Pontevedra, Ribeira, Ourense, A Coruña, Betanzos e Santiago.

O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG