A Rede de Colexios de Xornalistas espera que todos os Grupos Parlamentarios apoien a proposición de lei para crear o Consello Xeral

Presentación en Madrid da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas mostra a súa satisfacción pola proposición de lei rexistrada este mércores polo PP no Congreso dos Deputados para crear un Consello Xeral de Colexios de Xornalistas e espera que sexa apoiada polo resto de Grupos Parlamentarios.

No mes de xuño representantes dos nove colexios de xornalistas que existen actualmente en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco) reuníronse no Congreso dos Deputados coa súa presidenta e cos portavoces de PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos, os cales mostraron o seu apoio á creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas. Así mesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas espera que esta iniciativa se tramite mediante lectura única, feito que xa foi exposto no seu momento tamén á presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor. 

Desde hai anos, os colexios de xornalistas existentes veñen demandado a creación do Consello Xeral, xa que segundo a lei de colexios profesionais cando estean constituídos varios colexios da mesma profesión de ámbito inferior ao nacional deberá existir un Consello Xeral de Colexios. 

A creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas dotará á profesión dun instrumento para defender os dereitos dos profesionais da comunicación e denunciar, nos casos nos que sexa oportuno, a vulneración destes. Así mesmo, servirá para poñer en valor a titulación e loitar contra a precariedade laboral e o intrusismo, entre outros temas. 

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove colexios profesionais de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco). 

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS