A PDLI pide ao goberno actuar contra as vulneracións da liberdade de información

A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información reclama ao novo goberno avances na defensa da liberdade de expresión como a derogación da Lei Mordaza, a modificación do Código Penal ao respecto dos "delitos de opinión" ou a reforma da Radiotelevisión Española. A organización solicita tamén abordar a transposición da Directiva sobre copyright e a violencia online contra mulleres xornalistas. 

A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI), integrada por organizacións e persoas do ámbito xurídico, xornalístico e dos movementos sociais e cidadáns, vén de dirixirse ao novo Goberno de España para reclamar que sitúe no cerne da súa axenda "tras o retroceso sufrido nos últimos anos". “En España condenouse a penas de cadea por un chiste ou unha canción. Tamén se multou e detivo a xornalistas cando estaban informando. Ou se pediu prisión para medios que publicaran filtración. E as normas que permiten todo iso seguen vixentes, polo que pode seguir ocurrendo”, asegurou a presidenta da PDLI, Virginia Pérez Alonso.

A plataforma presenta un documento de "dez medidas urxentes coas que adecuar a lexislación española aos estándares internacionais aos que España está suxeita". Entre elas destacan algunhas como a modificación do Código Penal no relativo aos chamados "delitos de opinión", a derogación da coñecida como ‘Lei Mordaza’, a culminación da reforma da RTVE ou a mellora da Lei de Transparencia, aspectos que a PDLI espera "poder tratar cos ministros de Xustiza e Interior". Algúns destes asuntos, como a substitución da "Lei Mordaza" ou os plans para o futuro da RTVE foron anunciados nas últimas semanas desde o propio goberno. 

Ademais, a PDLI pediu reunións cos novos Secretarios de Estado con competencias no área dixital e das Telecomunicacións para tratar temas como a transposición da Directiva sobre copyright coa que a Plataforma se ten mostrado moi crítica. Por último, solicitouse tamén unha xuntanza coa ministra de Igualdade, Irene Montero, para abordar a violencia online que sofren as mulleres xornalistas e a necesidade de impulsar un xornalismo con perspectiva de xénero.

CPXG