A Generalitat propónlle a RTVE unha canle estatal en galego, catalán e éuscaro

Abrolla unha nova posibilidade non só de aproveitar os recursos xa existentes senón de relanzar a aposta polas emisións en galego da RTVE. O conseller de Cultura da Generalitat propúxolle á nova dirección do ente público estatal que a TVE reserve unha das súas canles dixitais para unha programación compartida en catalán, galego e éuscaro.
A proposta inicial do executivo catalán era que a TVE reservase unha canle da Televisión Dixital Terrestre para a emisión en catalán. Joan Manuel Treserras, conseller da Cultura da Generalitat, departamento que xestiona ERC, explicou recentemente as negociacións iniciadas co novo presidente de RTVE, Luís Fernández. Segundo explicou, a canle podería servir para facerlle espazo á realidade plurilingüe do Estado de xeito que compartisen emisión as oficinas territoriais de Cataluña, Euskadi e Galiza.

Potencial desaproveitado
A TVE-Galicia vén realizando apenas unha desconexión de media hora ao día para a emisión do telexornal das 14 horas. Contabámoslles xa en xaneiro pasado do descenso das emisións en galego na televisión pública estatal, reducidas a apenas a cuarta parte en poucas semanas, e coincidindo co plan de saneamento deseñado pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais.

Do desaproveitamento do potencial do persoal da TVE en Galicia queixábase o comité da empresa, advertindo do paradoxo de que existan corenta traballadores para realizaren un telexornal de media hora ao día. Os propios traballadores xa propuxeran tamén o aproveitamento da TDT para ampliar emisións en galego.

SANTIAGO
VIEIROS