A Fundación TIC de Lugo estrea o 1º documental sobre a Queima das Fachas de Castelo dentro da súa aposta polo rural

O audiovisual, de 15 minutos, abarca todo o proceso de elaboración das fachas, e conta coa participación dun antropólogo e da Asociación Cultural As Fachas, organizadora da festa.

O patrón da Fundación Tic e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, presentou o primeiro documental sobre “A Queima das Fachas de Castelo” nun acto que tivo lugar no local social desta parroquia de Taboada, e no que estivo acompañado polo presidente da Asociación Cultural A Fachas, Manuel Fidalgo. Os veciños de Santa María de Castelo, principais protagonistas, asistiron á estrea do audiovisual co que, segundo o patrón da TIC, “contribuímos a manter viva unha tradición ancestral e das máis singulares de Galicia. De feito, hai estudos que falan dunha orixe castrexa”.

Santos Ramos dixo que “desde a TIC e a Deputación de Lugo apostamos por impulsar iniciativas que, como a Queima das Fachas, nos fan sentir moi orgullosos da nosa cultura e das nosas orixes. Para que valoremos o noso rural, o primeiro é sentirnos orgullos del. Pero este apoio vai moito máis alá. Unha das prioridades da Deputación é a defensa do rural, polo que traballamos desde diversos ámbitos para xerar riqueza e fixar poboación”.

Elaboración e historia das fachas

O documental, de 15 minutos de duración, abarca todo o proceso: a recollida dos agucios, a elaboración das fachas, o traslado ao castro, a súa instalación e, por último, a queima, que ten lugar todos os anos, desde hai séculos, na noite do 7 ao 8 de setembro.

Ademais conta coa participación do antropólogo Xabier Viana, e inclúe “declaracións dos veciños que conservan a tradición dos seus antepasados e de rapaces que nos fan confiar en que se manteña no futuro. O audiovisual tamén é un recoñecemento ao traballo que está a desenvolver a Asociación Cultural As Fachas. Valoramos o gran esforzo que están a facer para que a Queima se manteña e vaia a máis”, apuntou Álvaro Santos.

Apoio da TIC ao tecido asociativo

A Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus obxectivos procurar que non se extinga esta tradición ancestral, a súa organización e a conservación patrimonial da parroquia. É unha das organizacións sen ánimo de lucro que ten asinado convenio coa TIC. Esta colaboración forma parte dunhas das principais liñas de actuación da Fundación, de apoio ao tecido asociativo da provincia e ao gra labor que desenvolve en diversos ámbitos.

FUNDACIÓN TIC