A FIP lembra, no Día dos Dereitos Humanos, os 49 xornalistas asasinados en 2019 no mundo
A Federación Internacional de Xornalistas aproveita a celebración do Día dos Dereitos Humanos para lembrar a corenta e nove xornalistas asasinados no 2019. A cifra, a máis baixa desde o ano 2000, revela tamén que máis profesionais perden a vida pola violencia nos seus propios países que cubrindo conflitos armados.
Con motivo da celebración, este 10 de decembro, do Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) lembra que corenta e nove xornalistas foron asasinados neste 2019 por realizar o seu traballo e condena "as violacións dos dereitos e as liberdades dos xornalistas e dos profesionais dos medios, que se convertiron nunha rutina en todo o mundo".
A cifra inclúe asasinatos en tos de xornalistas en 18 países, sendo México o país máis mortífero contra os informadores. Este número de mortos significa un considerábel descenso con respecto ao ano pasado, no que houbo 95 asasinatos, e a cifra máis baixa desde o ano 2000. Porén, o descenso, que se debe en boa maneira á caída do Estado Islámico e á falta de atención mediática a guerras como a do Iemen, non debe facer esquecer que as estatísticas tamén confirman que morren máis profesionais dos medios por causa da violencia nos seus propios países que na cobertura de conflitos armados. Os datos completos de comunicadores asasinados serán publicados o 31 de decembro.
A FIP aproveitou tamén o Día dos Dereitos Humanos para salientar outras graves violacións dos dereitos dos xornalistas, como os ataques aos profesionais dos medios en Palestina, Pakistán ou as Filipinas, os arrestos en Turquía ou Burundi, os ataques aos informadores que cubren protestas en Francia e Honh Kong ou a violencia de xénero contra as xornalistas mulleres.
O Día Internacional dos Dereitos Humanos celébrase desde 1950 cada 10 de decembro, conmemorando a proclamación, o 10 de decembro de 1948, da Declaración Universal de Dereitos Humanos das Nacións Unidas. Este ano, baixo o lema "Xente nova polos Dereitos Humanos!" reivindica a participación dos máis novos na loita por un desenvolvemento sustentábel.
CPXG