A FeSP presenta as súas propostas para o xornalismo no Ministerio de Traballo

A Federación de Sindicatos de Xornaistas (FeSP) entregou no Ministerio de Traballo unha serie de propostas para a mellora da situación laboral do xornalismo. Entre elas encóntrase algunhas como regular a situación dos freelance, regular por lei a profesión e o segredo profesional, dar licenzas aos medios comunitarios ou fomentar a igualdade de xénero no xornalismo. 

O pasado xoves 5 de setembro, representantes da Federación de Sindicatos de Xornaistas (FeSP) reuníronse co subdirector xeral de Relacións Laborais do Ministerio de Traballo, Rafael Martínez de la Gándara, para trasladarlle unha serie de propostas para mellorar a precaria situación dos traballadores da comunicación. Á xuntanza acudiron o secretario xeral da FeSP, Agustín Yanel; o secretario de Organización e Finanzas e presidente do Sindicat de Periodistes de Catalunya, Francesc Ràfols, e o secretario xeral do Sindicato de Periodistas de Andalucía, Francisco Terrón. Por parte do ministerio, tamén estivo presente o conselleiro técnico da subdelegación de Relacións Laborais Javier Lara.

Os representantes da FeSP solicitaron medidas para regular por lei a situación dos xornalistas á peza e freelance dunha maneira semellante ao resto de países da Unión Europea, "para que España deixe de estar á cola neste tema". Alén diso, a FeSP reafirmouse nas peticións que realizara aos candidatos das últimas eleccións xerais, entre as que se encontraban unha ley que regule a profesión e garanta o dereito á información, a regulación do segredo profesional, garantías da independencia dos medios público, licenzas de emisión para os medios comunitarios, o fomento da igualdade entre homes e mulleres xornalistas ou  medidas contra o ciberacoso, entre outras. 

O subdirector xeral de Relacións Laborais comprometeuse a analizar a documentación e ver cales destas medidas son competencia do seu departamento. Con todo, a probábel convocatoria de eleccións en novembro podería deixar suspendida calquera posíbel aplicación destas medidas.

CPXG