A CRTVG reduciu a súa débeda en máis de 31 millóns de euros en só un ano

A compañía pública da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) reduciu á metade o impago que mantiña cos provedores e recortou en algo máis dun 15% o seu endebedamento bancario en apenas un ano de xestión, segundo declarou o Goberno bipartito.
O primeiro balance contable realizado polo bipartito sobre a súa xestión á fronte da Televisión de Galicia confirma que a redución da débeda do ente autonómico é o principal cabalo de batalla, non en van o endebedamento se reduciu nun 36% en só un ano de xestión. Ademais, a redución dase «nas súas dúas compoñentes», destaca a resposta parlamentaria, tanto na vertente bancaria como na comercial.

De feito, a débeda comercial contraída en gran medida coas produtoras galegas ou provedores de contidos reduciuse á metade, pasando dos 51,9 millóns do 2005 ós 26,1 de setembro do ano pasado. A débeda bancaria experimentou unha redución máis modesta, de apenas 5,4 millóns de euros, o que supón un 15%, que basicamente se concentra no saldo do empréstito a longo prazo e, en menor medida, na redución do saldo das pólizas de crédito a curto prazo.

O Executivo galego tamén considera «moi positiva» a evolución dos fondos propios da compañía, xa que á volta dun ano se pasa dunha situación de saldos negativos —o equivalente á quebra técnica nas sociedades mercantis— a unha de fondos propios positivos, equivalentes a 9,1 millóns de euros.

En canto ó fondo de manobra, que indica a capacidade do ente para atender os seus compromisos de pagamento a curto prazo, tamén «cambiou radicalmente», considera o bipartito, pois pasou de ser negativo no 2005, cando se detectou un buraco de 9,4 millóns de euros, a ser positivo no 2006, cun saldo favorable de 9,8 millóns.

Unha das claves da melloría financeira experimentada pola compañía reside en que a Xunta, a través da Consellería de Economía, permitise que se destinasen as devolucións do IVA de TVG correspondente ós exercicios 2001, 2003 e 2004 —unha cifra que ascende ós 19,7 millóns de euros— ó saneamento patrimonial do grupo e á redución do endebedamento, especialmente o que se mantiña cos provedores do audiovisual galego.

A CORUÑA
LA VOZ DE GALICIA