A BBC arquiva indefinidamente unha película de ficción televisiva sobre o 'caso Menezes'

A cadea pública británica BBC decidiu arquivar indefinidamente unha película de ficción televisiva sobre o 'caso Menezes' que ía ser unha das principais producións da tempada, segundo informaba onte o diario The Observer. Segundo o periódico, os produtores e a familia do brasileiro Jean Charles de Menezes están moi decepcionados coa suspensión do proxecto da película, que ía narrar con novos datos a morte do mozo a mans da Policía o 22 de xullo do 2005.
De Menezes, de 27 anos, recibiu sete tiros na cabeza de axentes da Policía Metropolitana de Londres, que o confundiron cun terrorista na estación de metro londinense de Stockwell, o día seguinte dos atentados errados.

Nunhas declaracións ó periódico, a produtora da película documental, Katy Jons, mostrou a súa decepción e sorpresa pola inesperada decisión da BBC, que lle asegurara que era "o encargo máis importante do ano". "Estou furiosa e pedín á BBC que envíen unha desculpa" á familia Menezes, manifestou Jons, quen asegurou que os investigadores da película descubriran material novo relacionado co caso.

A directora de ficción da BBC, Jane Tranter, dixo a The Observer que o proxecto se arquivou porque había moita información sobre o suceso na prensa, de modo que unha ficción televisiva non ía achegar moito ós telespectadores.

Segundo o periódico, a cadea pública tamén puxo en corentena outra produción sobre as vidas dos autores dos atentados terroristas do 7 de xullo do 2005 en Londres, catro mozos musulmáns de nacionalidade británica.

MADRID
ESTRELLA DIGITAL / EFE