V Premio Contar a Ciencia-La Caixa
Do ao
A Real Academia Galega de Ciencias convoca a V edición do premio Contar a Ciencia-La Caixa. O certame está patrocinado por Obra Social la Caixa; conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux Tech e está organizado por GCiencia.
Poden optar ao premio os estudantes das facultades de Ciencias da Comunicación da USC, Ciencias Sociais e Comunicación da Uvigo (Campus de Pontevedra) e de Ciencias de Comunicación da UDC, así como os graduados en Ciencias da Comunicación das tres universidades que obtiveran o seu título no curso 2016-2017.
Os participantes deberán presentar as súas propostas de reportaxe ou entrevista ao correo redaccion@gciencia.com ata o día 9 de marzo. Ao remate deste prazo, Gciencia seleccionará as propostas atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade do tema tratado, calidade expositiva e valor xornalístico, e comunicará a decisión aos participantes elixidos para que comecen a realizar os seus traballos. Este prazo abrirase o 13 de marzo e pecharase o 10 de abril, data límite para enviar as entrevistas ou reportaxes definitivas. Unha vez recibidas todas as candidaturas, os traballos publicaranse en gciencia.gal ao longo da segunda quincena de abril.
O gañador ou gañadora do concurso recibirá 700 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.
O xurado estará encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, D. Miguel Ángel Ríos, e estará integrado por representantes da Consellería de Educación, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de 'la Caixa' e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, de GCiencia, así como por un investigador galego de recoñecido prestixio.
Máis información nas bases do premio.