O SXG esixe á Xunta que cumpra e vincule xa ás axudas aos medios co emprego estable

Dossieres

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) valora que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade que Xunta vincule ás subvencións aos medios coa loita contra a precariedade nestas empresas e ao uso real do galego.

O SXG esixe ao Executivo que cumpra canto antes o mandato parlamentar para que non fique nun mero brinde ao sol.

A Proposición non de Lei (PNL) aprobada presentouse á raíz dunha protesta organizada polo Sindicato. O pasado 5 de novembro profesionais de toda Galicia mobilizáronse baixo o lema 'A miña precariedade é a túa desinformación'.

50% de precariedade

Na protesta pedíase, entre outros fins, que as administracións deixasen de subvencionar aos medios con altos índices de emprego lixo. Segundo recoñeceu o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a taxa de precariedade nos medios galegos é do 50%, 20 puntos por riba da media estatal.

Próxima convocatoria

Ante esta situación, o SXG vixiará polo miúdo que o Goberno poña todos os medios para cumprir a PNL na próxima convocatoria de axudas públicas e no reparto da publicidade institucional.

Por último, o Sindicato agradece á deputada Modesta Riobó ter presentado e defendido a PNL que, tras ser tramitada durante medio ano, foi aprobada esta mañá na Cámara co seguinte texto:

"O Parlamento insta ao Goberno a que nas convocatorias de axudas públicas, asinamento de convenios e contratación de publicidade con empresas de comunicación se inclúan como criterios para o reparto a promoción da estabilidade laboral, introducindo na convocatoria de axudas cláusulas que desincentiven ás empresas con altos índices de precariedade ou concedendo máis puntuación ás empresas que demostren ter creado emprego estable no último exercicio así como a un incremento real do uso da lingua galega".

SINDICATO DE XORNALISTAS DE GALICIA (SXG)
CUNTIS