Liberdade de información en perigo tras o golpe de estado en Honduras

Dossieres

A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e a súa organización rexional, a Federación de Xornalistas de América Latina e o Caribe (FEPALC) condenan con toda firmeza os ataques sufridos polos xornalistas, así como o peche e militarización de medios en Honduras.

Estas violacións flagrantes da liberdade de prensa e expresión son consecuencia directa do golpe de estado contra o presidente constitucional Manuel Zelaya, quen foi sacado pola forza da súa residencia e expulsado do país.

"Os que asumiron o poder en Honduras enfróntanse a un illamento internacional unánime", declarou Paco Audije, Secretario Xeral Adxunto da FIP, quen engadiu: "E unha das repercusións máis inmediatas foi o seu errado intento de acabar co pluralismo e silenciar aos xornalistas. Non o permitiremos, porque precisamente nas horas dramáticas que vive a sociedade hondureña o seu labor é máis necesaria que nunca".

A FIP e a FEPALC consideran de extrema gravidade os peches e ataques a informadores e medios. As dúas organizacións saúdan a coraxe dos compañeiros da Canle 36 de televisión, quen mantiveron a emisión tras a chegada dos militares ás cinco da mañá e só escaparon cando estes regresaron. Os militares romperon entón as instalacións, golpearon ao único xornalista que atoparon e retiveron durante dúas horas ao persoal administrativo.

Tamén se puido constatar a clausura total ou temporal de emisoras como Radio Globo, a Canal 66 Maya TV, a Canal 11 e Radio Progreso. Varias operadoras de cable, entre outras Cable Color, víronse afectadas por interferencias, para evitar que emitisen o sinal de CNN en español e Canal Sur de Venezuela. Os correspondentes desta emisora e da axencia AP foron detidos, aínda que ao parecer foron liberados posteriormente. Xornalistas dos diarios El Tiempo, La Tribuna e El Heraldo foron agredidos.

"Os autores do golpe fracasaron ao tratar de provocar un baleiro informativo dos medios críticos", sinalou Gregorio Salazar, Director da oficina da FIP en Caracas. Salazar fixo un chamado "a quen asumiron o control do goberno en Honduras para que respecten os dereitos humanos e contribúan a unha pronta saída institucional da crise".

A FIP e a FEPALC mantéñense alerta para apoiar aos seus colegas en Honduras, así como para que esa cooperación contribúa a devolver a Honduras á senda constitucional e ao mantemento pleno das liberdades de prensa e expresión.

FIP

Documentación