Acaba o ano con récord de xornalistas asasinados no mundo

Dossieres

A Campaña Emblema de Prensa denunciou que no 2007 houbo unha profunda degradación da liberdade de prensa no mundo e un aumento da violencia, o que derivou no asasinato de 110 xornalistas en 27 países.

"Durante os meses de xaneiro a decembro, 110 xornalistas foron asasinados, o que significa un aumento do 14 por cento comparado con 2006, unha situación que é inaceptable", afirmou onte o secretario xeral da PEC, Blaise Lempen, en rolda de prensa.

Con todo, o aumento é do 60 por cento se o número de decesos do 2007 se compara co do 2005 (68 asasinados), un incremento que a PEC vincula á persistente violación do dereito humanitario a grande escala.

Os dous terzos dos xornalistas faleceron en zonas en conflito, como Iraq, Somalia, Sri Lanka, Afganistán e República Democrática do Congo, precisou a organización non gobernamental radicada en Xenebra no seu informe de 2007. Ademais, destaca que "xamais tantos xornalistas foron asasinados en exercicio da súa profesión nun ano".

Por quinto ano consecutivo, Iraq segue sendo o país de maior perigo. En 2007, faleceron nese país 50 xornalistas, fronte a 48 o ano anterior.

"Desde a intervención de Estados Unidos e Gran Bretaña en Iraq, en marzo do 2003, polo menos 250 xornalistas perderon a vida. Nunca antes un conflito provocara semellante hecatombe entre os profesionais dos medios de comunicación", afirma o informe.

O segundo país de maior perigo é Somalia, unha nación que coñeceu unha brutal deterioración das condicións de seguridade para os xornalistas, con oito reporteiros asasinados no 2007, mentres que no 2006 faleceu un. Sri Lanka ocupa a terceira posición, con sete xornalistas asasinados.

GALICIA HOXE/EFE

Documentación