A FeSP reclama unha Lei Xeral Audiovisual que defina a función pública de todos os operadores de televisión

Dossieres

A Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados aprobou onte -cunha sorprendente présa que todos os grupos criticaron, excepto o PSOE- o proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual.

É o último paso que deu o Goberno logo de aprobar antes do verán, tamén con urxencia, varias medidas que só foron aplaudidas pola patronal das televisións privadas (UTECA): facilidades para a fusión de cadeas, TDT de pago e eliminación da publicidade en TVE.

O PSOE negociou esta lei soamente cunha formación de dereitas (Convergència i Unió), no canto de facelo cos partidos cos que máis coincide ideológicamente.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) lamenta que, por esa falta de diálogo cos demais grupos parlamentarios, o proxecto de lei que elaborou o Goberno apenas sexa mellorado con emendas, pero aínda hai tempo para facelo.

O proxecto de lei caracterízase porque:

- Define o sector audiovisual como un mercado, no canto de como unha función pública ao servizo do pluralismo, a educación, a cultura e a cohesión social, o que contradi as normativas europeas.
- Non define funcións de servizo público para os medios privados e, en cambio, si restrinxe este carácter para os públicos.
- Non garante competencias executivas claras para o Consello Estatal de Medios Audiovisuais no relativo á adxudicación e retirada de licenzas e á capacidade para sancionar as infraccións da lei. Tampouco que os seus integrantes sexan elixidos polos seus méritos profesionais e non polas súas afinidades ideolóxicas ou políticas.
- Non contempla criterios de legalidade laboral ou de vixilancia profesional para a adxudicación de licenzas.
- Non garante a autonomía dos medios públicos autonómicos e locais no seu financiamento, que agora é mixta (orzamentos públicos máis publicidade).
- Non establece uns criterios homogéneos para a creación de organismos públicos autonómicos e locais, na liña da reforma de RTVE. É dicir, que continuarán ao servizo do goberno ou o alcalde de quenda.
- Non garante a produción e edición de programas polos medios públicos, non só a súa emisión.
- Tampouco recoñece aos medios comunitarios como un terceiro sector, xunto ao privado e ao público, que non pode ser residual por falta de financiamento ou por obstáculos legais. Esquece que a súa existencia garante o dereito constitucional da cidadanía a comunicar información veraz, xunto á liberdade de expresión e o dereito á información.

Por todo iso, a Federación de Sindicatos de Xornalistas fai un chamamento aos deputados para que mañá actúen en conciencia e eviten un mal comezo da regulación do sector audiovisual, e especialmente a aqueles en cuxas comunidades autónomas xa están en vigor leis audiovisuais cuns contidos diferentes e contrarios ao proxecto que mañá van debater no Congreso.

Logo de tanto tempo esperando esta lei, a cidadanía non se merece que se desperdicie esta ocasión por intereses partidistas conxunturais e para non molestar á patronal.

XUNTA EXECUTIVA FEDERAL DA FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE XORNALISTAS (FeSP)

Documentación